Saturday 18 de May de 2024

Arredor de 1600 estudantes de secundaria participan na XXXI Edición do Rally Matemático Sen Fronteiras apoiado pola Xunta


— Gañaron os equipos do instituto IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, do colexio Sagrado Corazón Placeres de Pontevedra, do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras e do IES María Casares de Oleiros e irán á final internacional en Toulouse

— É a participación de alumnado máis alta en Galicia desde que se celebra o certame

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela na entrega do XXXI Rally Matemático sen Fronteiras, impulsado pola Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, co apoio da Xunta.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo agradecer ao profesorado e alumnado “o seu interese nesta iniciativa, que acadou o máximo de participantes de todas as edicións con 1.600 estudantes, o cal é un indicativo de que a ciencia, e a ciencia en galego, é cada vez máis atractiva para a mocidade, un dos motivos polos que, desde a Xunta, seguimos traballando neste campo, achegando ferramentas como a nova calculadora de CASIO, dispoñible tamén en lingua galega”

Canda Valentín García tamén participaron no acto de entrega Jesús Sanmartín Matalobos, decano da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González, presidente e secretaria, respectivamente, de Igaciencia.

O Rally Matemático sen Fronteiras, organizado seguindo as liñas de traballo do Instituto de Investigación no Ensino das Ciencias de Toulouse (IRES), é unha das probas científicas dirixidas ao alumnado da ESO de maior participación en Galicia. Consta de tres fases, a que se desenvolve no centro educativo o 11 de abril; a galega, á que concorreron hoxe os finalistas da fase anterior; e a internacional, en Toulouse, á que asistirán os primeiros clasificados de cada unha das catro categorías, unha por cada curso da ESO. O acto de entrega tamén incluíu un minuto de silencio para homenaxear a André Antibi, coordinador da proba en Toulouse, finado o pasado ano.

Gañadores da fase galega
Os gañadores desta final galega resultaron ser, en primeiro da ESO, o instituto IES Eduardo Blanco Amor (Ourense); en segundo da ESO, o Colexio Sagrado Corazón Placeres (Pontevedra); en terceiro, o instituto IES Martaguisela (O Barco de Valdeorras); e, no último curso da ESO, o IES María Casares (Oleiros). Os equipos gañadores asistirán á final internacional do Rally mathématique sans frontières, en Touluse.